A nefasta xestión do bipartito propicia a volta de Sotelo (rolda de prensa)

Este sábado 4 de xuño á mañá, a Alternativa Canguesa de Esquerdas vén de realizar unha rolda de prensa no salón de plenos do concello para facer un balanzo público dos resultados dos comicios electorais do 22 de maio. A intervención tamén pretende calibra-la actual situación política ante os pasos que se están a dar tanto por parte do goberno saínte como do entrante. Asemade, a intención desta aparición do noso grupo é para deixarmos constancia nos medios das nosas perspectivas de actuación de cara o futuro. Arroupados pola militancia, os tres principais voceiros deron comezo a sesión ante xornalistas e fotógrafos convocados no lugar para levar a cabo a nosa primeira actuación pública na nova andaina que empezamos.


O primeiro en intervir foi o número 2 do partido, Xosé Manuel Pazos. Asegurou que a relativa tardanza desta rolda de prensa responde a unha análise fonda e meditada. Nese sentido pensamos que cómpre non bulir a sacar conclusións precipitadas e, moito menos, a entrar no xogo de incriminación barata que estiveron a desenvolver outras forzas mediante diferentes canles de difusión mediática.
Manifestou a satisfacción moderada polos resultados obtidos por ACE tendo en conta as condicións de descrédito na que sucumbiu tanto o tripartito como o bipartito que, evidentemente, nos afectou. Porén, e sen obvia-los altos niveis de intoxicación mediática, pódese falar dun rotundo éxito, sobre todo, se reparamos nos nefastos réditos electorais que obtivo o bipartito. Consideramos que o pobo é intelixente e sabe quen enarbora a batuta da coherencia neste concello. E, dende logo, se outros se rexesen por estes parámetros hoxe teriamos un auténtico tripartito de esquerdas a piques de entrar no goberno. En todo caso, ACE mantivo o tipo e non pode ser acusado de incongruencia. É dicir, non participamos de ningunha entroidada nas nosas institucións nin temos que nos agochar nin ir politicamente disfrazados como fan outros.
Pazos non negou a puxanza do PP pero resaltou que o pobo non lle deu a maioría tan ansiada. Outra cousa é que UPAC accedese a completar ese futuro goberno de dereitas incumprindo xa algunhas cousas das que prometera antes e durante a campaña. Parece que Sotelo asumirá sen moito problema o mando do goberno local.
O BNG, facendo alarde das súas habituais estrataxemas inverosímiles, está a lle carga-la responsabilidade á nosa formación da chegada de Sotelo á alcaldía cando foi o bipartito o único culpábel debido á estrepitosa caída electoral dos partidos que o conforman.
Esta voceiro de ACE, mestre de ensino primario no Colexio Público de San Roque, tamén tachou a Clara Millán de infantil por se desdicir continuamente e practicar unha política que poderiamos denominar do catavento. En campaña dixo que non ía pactar coa Alternativa e tralos comicios asegurou ser favorábel á formación dun cuadripartito con socio de dereitas incluído. Esta incoherencia supina demostra o descoñecemento político e social de Cangas que presenta a actual alcaldesa. En opinión do noso partido, o que ten que facer Millán e a directiva do BNG e tomar medidas ante os alarmantes resultados obtidos e que eles mesmos propiciaron.
A traxectoria do PSOE, tamén incidiu Pazos, vai á deriva malia a repunta no 2007 grazas á bonanza e o vento favorábel con ZP nesa altura. Tamén eles deberían facer unha profunda análise posto que teñen unha porcentaxe de voto que non se corresponde cun dos “grandes” nos que adoita incluír á súa formación o tenente-alcalde saínte, Héctor Otero.
Para rematar referiuse á convocatoria do derradeiro pleno desta corporación que está fixado para o mércores 8 de xuño ás nove de mañá. Non é de recibo convocar un pleno media hora despois da comisión informativa programada para ese mesmo día ás oito e media. En contraposición, Pazos rememorou o período do cuadripartito e a Euloxio López que convocara e desenvolvera un último pleno normal despedíndose adecuadamente da corporación. Este pleno do día 8 debera ser igual aínda que sexa para aprobar unhas actas. Entendemos entón que é o colofón, a guinda do pastel do autoritarismo que caracterizou o goberno de Clara Millán.

Mariano Abalo, o noso recente candidato á alcaldía, tamén coincidiu con Pazos en acusar á paupérrima política do BNG-PSOE como o detonante principal da volta da dereita ó concello de Cangas. Responsabilizamos tamén ás súas directivas por confiaren un goberno de esquerdas a uns membros que, como se viu nestes catro anos, fan política de dereitas. A traizón a nós como socio imprescindíbel para asina-lo Pacto de Goberno do tripartito e a ruptura deste acordo nitidamente de esquerdas é o expoñente máis álxido desta incomprensíbel política de dúas formacións que se din de progreso.
As consecuencias lamentábeis desta nefasta política non lexitiman, entende o noso principal representante, á alcaldesa a querer configurar agora un novo pacto, ridículo e absurdo, da man da Unión das Parroquias Unidas de Cangas.
O concelleiro e traballador de Correos tamén recordou ó electorado “indignado” que o voto en branco só trae beneficios á formación máis votada. Asemade, fixo fincapé na incoherencia que supón votar a UPAC por descontento. E arestora estamos a ve-las consecuencias de outorgárlle-la confianza a Nardo Faro cuxo partido está a actuar de “limpabotas do PP”.
Referiuse á vida pública e política degradada co “goberno dos oito” pero, así e todo, quixo poñer de manifesto que ACE vai facer unha política de man tendida para recuperar Cangas e para soluciona-los problemas máis urxentes que presenta o noso concello.
Abalo non deixou pasa-la ocasión para recordar que a Alternativa vai seguir moi firme cos intereses dos traballadores e traballadoras. Nese sentido anunciou que moi logo este partido fará público un programa de actuación política para facer avanzar a Cangas. A nosa vila pasa dunha etapa negra co “goberno dos oito” a un novo período no que, cun ACE reforzado tralos pasados comicios, damos constancia de que Cangas vai poder contar no futuro cun goberno de esquerdas.

Maruchi Álvarez, concelleira e sindicalista da CUT, pediu a palabra para tachar de evidentemente ilusorias as acusacións dunha suposta pinza PP-ACE e afianzouse tamén na idea de que o único responsábel da volta de Sotelo ó goberno foi o bipartito por non querer levar a cabo un pacto de esquerdas. E a responsabilidade de Clara Millán neste caos é pública e notoria. Xa non hai escusa para que o BNG faga autocrítica e tome en conta os seus erros.
Por outro lado, aludiu ó novo pacto que dicía querer formar Clara Millán e asegurou que o deber de ACE é obedecer á asemblea e non ás directrices do BNG nin do PSOE.
As críticas máis duras foron, sen dúbida, para a mencionada alcaldesa, quen actuou a golpe na mesa e que se comportou como unha auténtica ditadora. Como proba, M. Álvarez tamén incidiu sobre o pleno e a comisión informativa convocados para o mesmo día case á mesma hora (a imposibilidade de asistir é manifesta e a nosa formación ten o deber de aproba-las actas) para tratar de evitar ter que se enfrontar os veciños de Cangas á hora de deixa-lo seu cargo.