Dúas varas de medir

Estes primeiros días de gobernos municipais no país sempre están cheos de anécdotas e sorpresas, algunhas desagradables como o malabarismo estraño que permitiu a entrada da dereita no concello de Moaña, pero outras son, cando menos, curiosas. Diversos medios escritos e mesmo a TVG fixéronse eco a semana pasada do acontecido no concello de Ribadavia, onde o alcalde do PSOE e mais un concelleiro do mesmo partido se apuntaron no paro despois de PP e BNG uniren os seus votos para impedir primeiro que o novo rexedor se subise o soldo e para despois nunha segunda votación botar por terra o acordo sobre dedicacións exclusivas no concello do Ribeiro e deixaren, BNG e PP xuntos e en harmonía, sen soldo ao alcalde de Ribadavia.
Efectivamente, xa non é noticia que os autonomistas de dereitas que controlan o BNG e a dereita rancia que controla o PP cheguen a acordos puntuais en moitos lugares, mais o curioso deste caso non é esta unión que xa hai tempo que deixou de ser contranatura senón o rápido que o BNG mudou de parecer ao respecto dos soldos dos alcaldes das vilas galegas. Aínda resoan pola comarca do Morrazo as alusións do seu secretario xeral, laiándose das, segundo el, “triquiñuelas” que deixaban a exalcaldesa sen soldo despois de romperen ela e o seu séquito o pacto de goberno. As palabras altisonantes que en prazas, tabernas ou calquer tipo de reunión informal ceibaban os militantes do BNG, acusando a ACE de facer cousas que “eles nunca farían”, en alusión á coincidencia no voto do noso partido co PP na devandita retirada de soldos ao goberno ilexítimo e en minoría que BNG e PSOE teimaron en manter ano e medio na nosa vila, dinamitando de vez calquera posibilidade da esquerda nas pasadas eleccións do 22-m.
Velaí tedes o pouquiño que tardou o tempo en poñer a cadaquén no seu sitio. Agardemos agora que o BNG local se decate de quen foi culpable da situación vivida en Cangas nestes últimos 4 anos, esperemos que tome nota do que fixeron os seus compañeiros do Ribeiro.
Outro conto son as escuras manobras da ex-alcaldesa que La Voz de Galicia denunciou tamén a pasada semana. Nas súas últimas horas como alcaldesa, remexeu Roma con Santiago para conseguir levar para a casa 36.000 euros en concepto dos soldos retirados hai agora un ano, despois de obter unha sentenza favorable ao respecto, manobra sobre a que puxeron reparos o interventor e a secretaria municipais por existir un recurso da ACE a devandita sentenza, reparos que ela saltou nomeando un secretario e un interventor provisionais que asinasen para ela poder levar un diñeiro que non lle corresponde, nunha actuación que non é máis que o triste punto e final na carreira política da señora Millán e da súa procesión dos caladiños, a peor praga sufrida pola esquerda de Cangas nos 30 anos de democracia.