A asemblea consolida o fortalecemento e a reorganización do partido

A ACE convocou onte 9 de xuño a súa primeira asemblea xeral do novo percorrido político que se abre logo dos comicios do 22 de maio. Déuselle aviso ó Faro de Vigo mais non se quixo facer eco da noticia e, moito menos, anuncia-lo evento. O acto, ó que concorreron un nutrido grupo de participantes, estivo presidido por unha mesa directiva conformada por Ánxela Vizoso, Mariano Abalo, X. M. Pazos, Maruchi Álvarez e Araceli Paz. Todos integrantes da candidatura das pasadas eleccións e membros destacados da organización.



Abriu a sesión X.M. Pazos recalcando o carácter precisamente asembleario da nosa organización e incidiu no mantemento da regularización destas convocatorias como eixo fundamental dunha organización política autenticamente democrática. Asemade xustificou o acto coa angueira de tres cuestións a tratar:

1) Balanzo asembleario e reflexión conxunta dos devanditos comicios municipais.

2) Os movementos futuros a desenvolver pola organización.

3) A nova organización do partido.

En canto ó balanzo das eleccións, e na liña da recente rolda de prensa que tivemos, a asemblea coincidiu en considera-los resultados obtidos moderadamente satisfactorios. E, en todo caso, estariamos a falar dun éxito electoral téndomos en conta as circunstancias e o clima adverso de descrédito cuns factores nos que xa incidiramos hai uns días ante a prensa. O que quedou patente é o castigo severo que recibiu o bipartito por parte dos votantes e que propiciou á chegada do PP ó goberno. A pesar de que o BNG-PSOE teime en acusar a ACE da subida do PP ó poder, son eles os que perderon concelleiros. Traizoaron ás súas propias bases cunha política desenvolta que parecía máis ben enfocada a chegar ó electorado de dereitas tendo en conta ademais que, como sostiñan os seus dirixentes, con ACE non ían pactar. En cambio, tralo 22 de maio, por se aferrar á poltrona da alcaldía, pretenderon a formación dun cuadripartito claramente anti-natural.

Por seu lado, o pacto PP-UPAC si é natural malia que comporte unha fraude. Como non choca tampouco a recentemente anunciada entrada de Nardo Faro Lagoa no PP. E é evidente que este engano ó electorado de UPAC desfixo a súa promesa de campaña de non apoiar a Sotelo como candidato á alcaldía.

A actividade política vindeira obrigou á asemblea a facer unha abordaxe verbo da posición do partido no pleno de investidura do novo goberno este sábado día 11. Neste punto, a concelleira Maruchi Álvarez propuxo un asisado debate e a posterior votación da iniciativa máis acorde coa nosa idiosincrasia. A asemblea acordou, de xeito unánime, non considerar outros partidos e, de forma coherente, votar por nós mesmos, isto é, polo noso candidato: Mariano Abalo Costa. Considerámolo un símbolo da garantía dunha oposición dura e consecuente ante este goberno de dereitas e ultradereita que se vai perpetrar. Fronte a especulacións sen fundamento erixímonos como a oposición dos do SI: si a un PXOM marcado por un urbanismo sustentábel, a un Massó público, ó pago ós provedores do concello, etc. E do novo goberno que se perfila só apoiaremos propostas favorábeis ó pobo e ó ben de Cangas sempre que non se contradigan co noso programa de esquerdas. Manteremos esa férrea oposición dende o primeiro día, polo que se aproveitou a asemblea de onte para facer un chamamento á cidadanía para termos presenza no pleno de investidura e arroupar os nosos concelleiros e a nosa política de progreso. Aproveitarase entón a investidura de Sotelo para deixar claro que a situación non vai cambiar, ACE vai seguir sendo consecuente cos seus principios programáticos e cos intereses populares.

X.M. Pazos aproveitou a conxuntura para explicar que, tras unha xuntanza entre a Comisión Executiva cos concelleiros, acordarase tralos comicios do 22-m non acudir á reunión á que o PP convidou a ACE para que non fose utilizada por outras forzas como escusa para entrar en acusacións baldías pero que, indubidabelmente, a prensa recolle na nosa contra. Con todo, así que xurdan asuntos como os de Massó ou outros, o noso partido vai ter sempre unha postura dialogante pero colocará uns mínimos inamovíbeis ratificados en asemblea xeral para chegar a calquera tipo acordo.

Seguíndomos coas actuacións futuras da nosa organización, a asemblea acordou abordar o máis prontamente posíbel as seguintes problemáticas:

− Mantemento da nosa postura no tema “Massó” onde radicalizarémo-los nosos niveis de conexión coa veciñanza para seguir involucrando ó pobo facéndolle chegar máis as nosas propostas para esta zona fundamental para o desenvolvemento de Cangas e que só pode ser para uso e goce público. Nese sentido, o propio Abalo propuxo a realización dunhas charlas ou xornadas para concienciar de que o perigo segue aí e que eses terreos hai que os recuperar para Cangas.

A Confraría de Pescadores xa lle trasladou ó PP que non admitirá que se acometa nin un só recheo na zona e o grupo de Sotelo asegurou non autorizar tocar nada sen o visto e prace do sector mariñeiro. Estaremos vixiantes.

− Continuaremos tamén na mesma postura a prol da recuperación das naves de Ojea antes as recentes declaracións de Portos que implican o seu derrube. Esixirémoslle o goberno entrante que non o permita. Tamén faremos fincapé no restante patrimonio industrial do concello e xa elaboramos un díptico cunha análise e propostas ó respecto.

− Aplicarémo-las medidas necesarias para que se consolide a construción da piscina municipal e que, dende hai tempo, quedou a medio facer.

− É un aspecto relevante para nosoutros a Sanidade. Avogaremos polo Centro de Alta Resolución como “primeira pedra” para o levantamento do ansiado Hospital Comarcal. Asemade, como consideramos que non debe haber veciños de primeira e de segunda, poremos tódolos medios ó noso alcance para que o Centro de Saúde O Hío-Aldán saia adiante o antes posíbel.

− Atalla-lo problema das verteduras ilegais de lixo e cascallos nos montes comunais de Darbo, Aldán, O Hío e Coiro. Hai puntos especialmente sangrantes que non poden soportar por máis tempo ese terríbel dano ecolóxico e paisaxístico que afecta mesmo a propiedades particulares dos veciños.

Na asemblea de onte, Araceli Paz trasladou ós asistentes a proposta da Comisión Executiva de nomear a X.M. Pazos voceiro principal do noso grupo para estes catro anos. A iniciativa foi asumida pola militancia sen problemas e sen ningunha dilación na súa aprobación. Mariano Abalo tamén quixo xustificar esta postura aludindo ó freo que ACE quere pór ás presións internas e externas así como tamén non deixou de facer mención á bagaxe política, á integridade persoal e á grande capacidade oratoria de Pazos. Pazos continuará a representar unha política de man tendida pero de firmeza nas posturas de esquerda.

Con respecto á reorganización do partido, a mesa directiva a través da socióloga veciña de Vilariño, Ánxela Vizoso, comunicou a recente conformación dunha Comisión Executiva que a asemblea ratificou e que quedaría composta por 10 membros: Ricardo Prieto, Tomás Hermelo, Aquilino Blanco, Ánxela Vizoso, Xesús A. Pérez Gallego, Óscar Fernández, Darío Portela, Martín Fernández, Araceli Paz e Daniel González.

Igualmente aprobouse a formación de catro comisións de traballo para reactiva-la engrenaxe do funcionamento da nosa organización. Tres delas reagrupan as funcións das distintas concellarías e a outra queda reservada á propaganda e á divulgación informativa:

Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos.

Comisión de Cultura, Educación, Xuventude, Turismo e Deportes.

Comisión de Persoal, Réxime Interior, etc.

Comisión de Comunicación.

Cómpre destaca-lo carácter mixto das comisións relacionadas coas concellerías dado que o traballo vai compartir un desenvolvemento institucional cun labor veciñal e por parroquias atinxindo a todo o amplo tecido asociativo cangueiro. Por tanto, a actividade política veciñal irá, máis ca nunca, alén do noso local no concello e das respectivas sedes das agrupacións que forman a Alternativa para ter, por fin, unha conexión forte cos núcleos de poboación periurbanos e rurais.

Asemade, recordouse a importancia da área de Comunicación na tarefa de eludi-la permanente intoxicación e o bloqueo mediático. Ademais do noso blogue e a presenza nas distintas redes socias, acordouse sacar periodicamente do prelo un díptico-voceiro para afianzar, corrixir e postergar unha información veraz da nosa actividade política que sexa quen de chegar a toda a veciñanza e a tódolos recunchos do concello. Nese sentido, un veciño tamén propuxo a saída á rúa con mesas informativas cando se dean conxunturas socio-políticas que así o esixan.

Araceli Paz, veciña de Nerga licenciada en Belas Artes e membro da Comisión Executiva do partido, avogou por consolidar unhas asembleas xerais altamente participativas. A involucración veciñal é transcendental para o perfecto desenvolvemento dunha organización de esquerdas conectada co pobo. Os membros da asemblea teñen que ver tanto a Executiva como a Directiva que conduce estas reunións como unha mera ferramenta ó servizo da clase traballadora toda. E reiteramos que a asemblea é o órgano de expresión máximo que poñemos ó servizo do nosos veciños, de aí ese carácter público e aberto. Deste xeito, as decisións do partido que toquen asuntos relevantes tanto para o funcionamento da ACE como para o desenvolvemento de Cangas hai que seguir tomándoas nestas asembleas xerais onde todo o mundo ten voz e voto.

En síntese, e recollendo a conclusión de Mariano Abalo, o noso traballo vai ter dous piares fundamentais como son o traballo asembleario e o veciñal do día a día. Agardámo-la vosa colaboración convidándovos a tódalas asembleas que se convoquen e recordando que as comisións de traballo quedan permanentemente abertas.