Non nos van calar!

ACE é unha candidatura do pobo. Humilde, traballadora, loitadora. Como é o pobo. Poucas veces ten oco nos medios de comunicación capitalista, unha outra mostra deste silenciamento tivémola noutronte cando fomos apartados do debate televisivo que protagonizaron os 3 partidos do poder en Localia. Non nos queren deixar falar. Eses mesmos aos que se lles enche a boca falando de democracia, eses mesmos que miran de esguello e con moito nerviosismo para as mobilizacións que en distintas partes do estado está a desenvolver a mocidade. Eses e esas que se presentan como vítimas cando son verdugos do futuro dun pobo. Eles e elas son os que agora non queren que a nosa voz, as nosas propostas, cheguen á veciñanza.
Porén, hai alternativa. Aquí si temos alternativa. Canguesa e de esquerdas. E temos apoios. Na rúa, entre os veciños, entre os colectivos, que saben ben quen é coherente e quen está sempre do seu lado. Malia non saírmos na TV. Mentres os candidatos dos partidos do poder cruzaban a ría para iren todos render pleitesía en Vigo ao capital, a escenificar ese teatro de títeres no que viven, nós estabamos a falar cos veciños en dúas aldeas distintas, explicando propostas e escoitando queixas e ideas.
Xa dixemos que estamos moi acostumados a que nos silencien sistematicamente. A que nos esixan un escrupuloso respecto polas opinións dos que nos abocan á miseria persoal e como pobo, mentres as nosas propostas son, no mellor dos casos, anatemizadas cando non directamente censuradas. Por iso, faíscas como a que deixamos a seguir, pequeno fragmento da visita do premio Nóbel da Paz de 1980, Adolfo Pérez Esquivel, á xente que loitaba por un Massó público, que loita arestora e sofre as consecuencias da súa defensa do medio natural en forma de multas, xuízos, represión, etc. son as que nos fan ver que seguimos a camiñar polo carreiro correcto. Venceremos nós!