Mariano Abalo fala cos internautas

Hoxe pola mañá o candidato á alcaldía de Cangas por ACE, Mariano Abalo, respostou as preguntas d@s internautas nunha entrevista-chat organizada por farodevigo.es. ENTREVISTA-CHAT A MARIANO ABALO


1. Hola Abalo si chegas a formar governo vamos a meterlle mano as construccións ilegais do chabolismo na costa?

» A mellor maneira de meterlle man ao chabolismo é conseguir un plan xeral sustentable e racional para Cangas pero tamén teño que engadir que sería clave contar cunha Xunta consciente pois é o auténtico responsable a nivel competencial para resolver este problema.

2. Piscina municipal, zona verde y de ocio en Masso, ampliación paseo peatonal y carril para bicicletas hasta Areamilla,... mejora del campo de futbol de Masso....a que se compromete de estos apartados?

» Considero que todas as propostas formuladas son perfectamente viables pero pasan por que estes proxectos os resolvamos por e para Cangas.

3. ¿Qué condiciones deberían darse para que ACE formará y/o apoyara un gobierno de izquierda en Cangas?

» Fundamentalmente, que se gobernase cun programa de esquerdas. Un programa que contemplase a defensa dos intereses xerais d@s traballador@s e nunca ser gobernados desde fóra de Cangas en función de intereses dos banqueiros e especuladores, deixando claro ademais que non imos apoiar partidos e nomeadamente persoas que xa teñen amosado o seu nivel de corrupción.

4. Cales foron as causas durante o seu mandato na concelleria de urbanismo que se trasmitise a sensación de pasividade total nesa area?

» A principal oposición que tivo a área de Urbanismo foi por parte da propia alcaldía e do mesmo xefe de urbanismo que puxeron todos os medios ao seu alcance para boicotear e dinamitar o labor desta área. Casos evidentes son que unha vez posto en marcha o avance do PXOM, adicáronse a tentar primeiro meter os convenios através de Zumárraga, -director de Consultora Galega-, e despois a retrasar durante meses os informes xurídicos co ánimo de transmitir inoperatividade cando en realiade se trataba dun boicot descarado dende o goberno paralelo de Clara Millán. Ademais, casos como o de UA-19.1 e UA-5 demostran claramente que os obxectivos en urbanismo do binomio BNG-PSOE estaban pensados en clave de rebentar a concellaría de urbanimo de ACE.

5. Mariano soio quería saudarte polos teus anos na política activa en cangas, non desistas, necesitamos mais xente coma ti en política,saúdos.i

» Sempre son de agradecer as palabras de ánimo pero quero aproveitar a pregunta para dicir que @s traballador@s teñen que ser conscientes de que por riba das persoas necesitamos unha alternativa de esquerdas para que non nos coman os ollos os depredadores e especuladores.

6. Bos dias Sr. Abalo Que accions se van a tomar respecto o conflicto de Masso?. E cales son as liñas basicas do seu programa electorai?. Grazas e un saudo .

» Primeiramente que no noso programa volvemos a recoller a necesidade de crear un grande espazo público no Salgueirón. Debemos recuperar todo o patrimonio industrial do concello, que aproveito para dicir que é o máis importante de Europa no relativo a industria conserveira e da salgadura, e conseguir através desta infraestrutura promover a formación, o emprego e a creación de riqueza que tanto precisa o noso concello. Loxicamente, isto que acabo de dicir está integrado no noso programa de goberno.

7. Sr Abalo, se ACE acada a representación suficiente como para volver gobernar, que medidas adoptará para facer definitivamente un PXOM racional?

» Aínda que poida resultar utópico gustaríanos chegar a aprobar un PXOM por consenso, contando ademais coa participación da veciñanza através do consello sectorial de urbanismo, impedindo actuacións tan vergoñentas como as que fai o actual "goberno dos 8" enviando o documento previo á aprobación inicial do PXOM sen coñecemento nin dos grupos municipais nin tampouco da cidadanía.

8. Hola SR. Abalo: ¿Cómo se puede ser comunista/socialista -y no me refiero al PSOE- y a la vez nacionalista, no crees que es una contradicción? Un cordial saludo.

» Ser internacionalista, como ben explicou Marx e outros teóricos do marxismo, non está en contradición con defender os dereitos dos pobos á súa libre determinación. Non debemos caer na trampa de defender o nacionalismo español e masacrar o nacionalismo galego. Non se pode defender a autodeterminación de Croacia ou Lituania e negar os dereitos de Galicia como nación.

9. Se non tes maioría absoluta para gobernar, haberá outro pacto de esquerdas despois da experiencia destes 4 anos?

» Xa manifestamos repetidamente de que con Clara Millán e Héctor Otero, non. Dende logo queremos tamén deixar claro que non imos asinar ningún cheque en branco como foi o anterior pacto de goberno sabendo que vai quedar en papel mollado. En todo caso, quero deixar claro que a única alternativa de esquerdas, neste momento, en Cangas é ACE

10. Bos días. Estaría disposto a formar goberno co Partido Popular? Que opinas de que Clara Millán te acuse de obligala a prevaricar? Un saúdo e grazas.

» Calquera veciñ@ de Cangas sabe que se o PP deixou de gobernar no concello foi pola loita dos grupos que formamos ACE, mentres os outros partidos estaban de vacacións e ademais fomos quen de presentar un proxecto de goberno alternativo, por iso cáusanos riso e bochorno que se diga que pretendemos que Clara Millán prevarique cando o único que reclamamos é que exerza as súas competencias no noso propio concello. Tal e como lle dicía ela a Sotelo cando gobernaba afirmando que o porto deportivo podía e debía paralizarse.

11. Si usted gobierna tambien se va a ir corriendo de la alcadia o esta vez va aguntar?

» Para os que teñen mala memoria, lembrarlles que ademais de encabezar no seu día a lista de esquerdas máis votada, tamén gobernamos durante 1 ano podendo destacar que nese período de tempo fomos quen de presentar unha acción de goberno até hoxe non superada por ningún outro grupo municipal. Refírome naturalmente á época da xestora. Polo demais, todo Cangas sabe que quen rachou o pacto de goberno se chama Clara Millán, coa complicidade covarde de Héctor Otero.

12. Hola Sr. Abalo: ¿Qué preferiría usted una banca privada con capital gallego o una pública a nivel estatal? y no me de como respuesta una banca pública gallega, solo le doy esas opciones. Un cordial saludo.

» Coas opción que me pos, naturalmente unha banca pública estatal. Aínda que debo engadir que me gustaría e apostaría por unha banca pública galega.

13. Como unha candidatura municipal como a de ACE se vai posicionar diante das reivindicacións laborais desenvolvidas no pobo de Cangas, nunha etapa que promete un panorama mobilizador no conxunto do País? Como se posiciona diante da Reforma Laboral?

» A nosa razón de ser principal dentro deste proceso electoral e na nosa actividade cotiá é a defensa firme e rotunda das clases traballadoras. Somos o único grupo que se presenta a estas eleccións que de forma inequívoca defende os sectores máis desfavorecidos. Ser a única forza de esquerdas é o noso principal motivo para manternos vivos neste confronto político e electoral.

A chamada "Reforma laboral" todo o mundo debe saber que non é nin máis de menos que un ataque frontal contra os dereitos d@s traballador@s e o máis grave é que estes ataques contra a clase obreira cada día que pasa agudízanse máis. Por iso debemos estar preparados non só para denunciar estas reformas, senón para combatelas até as últimas consecuencias o que pasaría por un auténtico cambio social que priorice a defensa de parad@s e de todas as persoas que viven na precariedade e na necesidade.

14. ¿Que puntuación se daría por estos últimos cuatro años?

» Debemos ser autocríticos e recoñecer que se malgastaron miserablemente 4 anos porque xente que se dicía de esquerdas resultaron ser uns vividores da politica. Pola nosa banda, debemos asumir a nosa propia responsabilidade por darlle a confianza a quen para nada a merecía. Aprendermos desta lección para que no futuro non cometamos erros desta caste.

15. cual es su opinion sobre el trafico de ria? por que no se defiende la libre competencia cuando se positivo para los usuarios?.

» A nosa proposta é a municipalización do transporte de ría. No escenario da libre competencia resúltanos asombroso e incrible que a Xunta se posicione a favor dunha empresa manipulando horarios ao seu antollo, despreocupándose noutros ámbitos como seguridade, eficacia, comodidade, etc o cal deixa ao descuberto que seguen a existir empresas amigas que resultan beneficiadas, estamos convencidos que por motivos pura e duramente económicos. Imos esixir neste sentido un cambio de actitude na Xunta porque a súa conduta ademais de sospeitosa é impresentable.

16. Que propostas tendes sobre protección e defensa dos animais?

» Primeiramente, lembrar que ACE canalizou a proposta xurdida no movemento antitaurino galego que implicou a declaración de Cangas como primeiro concello amigo dos animais galego. Cada día a nosa sociedade é máis consciente da importancia que ten o respecto polos animais e neste sentido através dos colectivos máis implicados nesta problemática presentaremos durante a campaña unha proposta específica.

17. ¿Qué ha hecho durante 34 años en la política y no deja avanzar a Cangas?

» ACE respecta todas as opinións pero estamos convencidos que se a nosa proposta molesta tanto é precisamente por ser a única proposta de esquerdas e por crear incomodidade á dereita. É hora de quitar xa as caretas e deixar de confundir progreso con especulación.

18. Según ustedes y el Partido Popular la alcaldesa Clara Millán lo estaba a hacer mal, lo refrendan ambos votando al unísino en la retirada de sueldo, por que no presentan una moción de censura? Al no presentarla dejaron que el pueblo de Cangas fuera gobernado por un grupo ilegítimo. No es eso irresponsabilidad por su parte?

» Estes feitos demostran que ACE nada ten que ver co PP, por iso non subscribimos unha moción de censura. Preferimos que sexa o pobo de Cangas quen o 22 de maio exerza o seu dereito á moción de censura co seu voto nas urnas.

De todos os xeitos, na miña opinión a irresponsabilidade está en quen se aferra ao sillón estando en minoría. En calquera lugar do mundo, e pasou en Vigo con Ventura Pérez na alcaldía, ao quedar un goberno en minoría o que procede é presentar unha moción de confianza e no seu caso, de non superala, presentar inmediatamente a dimisión. O que pasa é que aquí había demasiado interese en seguir a cobrar os soldos.

19. Buenos días Mariano. Me gustaría saber porque un hombre que lleva tantos años en la politica, únicamente se centra en una política negativa que no deja prosperar a una villa con tantas posibilidades como es Cangas. ¿Por que su opción es siempre el "no"?

» Aparte de ser un tópico, asegúrolle que ACE somos os do "Si". Si á Casa da Bóla, si á municipalización da recollida e xestión do lixo, si á recuperación do Reloxo da Alameda Vella, si a un PXOM racional, si á recuperación do patrimonio industrial e as zonas verdes de Massó, si á atención hospitalaria para O Morrazo, si a un transporte público de calidade comarcal e local, si á participación veciñal. En todo caso, grazas pola túa pregunta e convidarte a que nos fagas chegar as túas propostas para que Cangas progrese.

20. que entende o seu partido por sostenibilidade?

» Sostenibilidade é recuperar e non deixar que morran os ríos Saíñas, Bouzós e Orxás, non permitir que as máis de 30 praias que temos desaparezan, preservar e recuperar o litoral e os nosos montes... en definitiva non matar o noso futuro e a nosa galiña dos ovos de ouro.

21. Sr. Abalo: Gustariame que me dixera, se esta no seu coñecemento, ¿a canto ascende a debeda do concello de cangas? Preguntolle isto para saber de donde van a sacar os cartos para pagarlle os autonomos os que o concello lles debe.

» No noso programa figura a necesidade de realizar unha auditoría porque o nivel de escurantismo e inacesibilidade á documentación do concello é enorme. Isto resulta máis escandaloso presidindo a corporación alguén do BNG, pero en todo caso, como xa fixemos na xestora, a nosa prioridade ten que pasar por garantir os salarios dos traballadores e o pagamento das débedas a autónomos e pequenas empresas de Cangas que se ven abocados mesmo á creba por unha actuación infantil, irresponsable e delirante do actual concelleiro de facenda.

22. que ten pensado para a sostenibilidade do concello?

» En canto á ambiental, penso que queda contestada con respostas anteriores tanto no referente ás prioridades do PXOM como á preservación dos nosos valores ambientais.
Se te refires á económica, imos poñer énfase especial en tentar procurar un consenso no seo da corporación e implicar as outras administracións públicas á hora de buscar solucións porque vai ser imprescindible para saír dunha crise económica tan profunda como a actual.

Agradecer enormente a deferencia de me dirixirdes as vosas preguntas e aproveitar a ocasión para pedirvos o apoio á única proposta de esquerdas que vai permitir que Cangas sexa de tod@s e finalmente lembrarvos que non debedes confiar o futuro de Cangas aos políticos. Por iso a vosa participación ten que ir máis alá da votación do 22 de maio e ten que pasar por estardes presentes e participar activamente na vida política de Cangas. Moitas grazas.