Máis de 400 persoas arroupan a candidatura de ACE no Auditorio

Santiago Piñeiro Edreira, número 11 da candidatura de ACE, foi o encargado de introducir os membros do partido e persoeiros que interviron no mitin central celebrado este xoves 19 de maio no Auditorio municipal de Cangas. O membro máis novo da lista , 20 anos de idade, estudante de Historia
e veciño de San Roque achegou tamén as súas temperás experiencias en política e remitiu para Lois Pereiro, o afamado poeta homenaxeado este ano no Día das Letras, para referir parte das súas inquedanzas a través dun dos versos do autor monfortino.
Apoiados por máis de 400 asistentes os 7 oradores esperaban a súa quenda nunha mesa cunha pancarta coas siglas e o lema de campaña que se escolleu para secunda-la candidatura de Mariano Abalo. Nos comezos do acto o enorme anagrama de ACE que se reflectía na pantalla de vídeo sumiu uns instantes para dar paso á proxección do vídeo electoral da Alternativa para estes comicios municipais. A peza, duns seis minutos de duración, conta coa participación da meirande parte dos membros da lista e tamén doutros veciños das distintas parroquias do Concello.




A primeira en irromper no atril foi a número 6 da lista, a socióloga veciña de Vilariño, Ánxela Vizoso que centrou o seu discurso na importancia da atención ás parroquias e en tres cuestións fundamentais para o presente e o futuro inmediato de Cangas: a rexeneración democrática, a rexeneración económica e a rexeneración urbanística.

A seguinte en se dirixir ós asistentes ó acto foi a novísima Araceli Paz Novas, veciña de Nerga licenciada en Belas Artes, que elaborou unha análise da situación actual dende unha focaxe global e local para propugnar igualmente a necesidade de continuarmos na apertura dunha fronte de loita feminista para conseguirmos a auténtica igualdade en tódolos eidos.

Polo seu lado, Maruchi Álvarez, sindicalista que repite como número 3 na lista de ACE, defendeu a necesidade dunha democracia verdadeira tamén no Concello. A través da súa experiencia como concelleira de Persoal e Réxime Interior no tripartito avogou pola necesidade dun cambio radical no seo das institucións locais perante as actuacións neglixentes dos que foran os nosos socios de goberno.

A vasta e abraiante intervención de X. M. Pazos, o número 2 da lista, foi para arremeter cunha forte crítica ó “goberno dos oito” pola situación de crack económico na que se atopa arestora o noso Concello. Asemade detívose nos logros acadados na área de Cultura baixo o seu mandato facendo fincapé nas bibliotecas parroquiais e no seu funcionamento. Incidiu tamén na cuberta do pavillón de San Roque pola que ACE non deixou de pelexar en ningún momento e da que agora pretenden sacar rédito o BNG e PSOE sobre todo cando este último teimara en investir eses cartos do Plan E no campo do Alondras. Recalcou que foi esa a única aposta do bipartito polas parroquias.

Unha das intervencións máis agardadas da mitin foi a do escritor e membro da FPG, Xosé Luís Méndez Ferrín. O varias veces candidato ó Nobel de Literatura cargou contra o BNG (“tódolos do Bloque son Clara Millán”) e contra a deriva ideolóxica. Falou da importancia de Cangas como vila exemplar do país no relativo á xeración dende hai décadas dun movemento contestatario popular que continúa vixente co testemuño da Alternativa Canguesa de Esquerdas.

Un vídeo da vila de Oleiros serviu de introdución para dar paso ó seguinte dos convidados ó acto. O líder de Alternativa dos Veciños e alcalde de Oleiros, Anxo García Seoane, destacou a admiración e os vellos lazos de amizade que o unen co noso candidato á alcaldía, Mariano Abalo. Trazou esquematicamente a súa traxectoria política na esquerda desenvolta en esencia no seo de asociacións veciñais que foron reagrupadas para formaren e acadaren un goberno de maioría simple que leva máis de dúas décadas resolvendo as inquedanzas dos veciños e mellorando a calidade de vida desa “República de Oleiros”, como el mesmo denominou.

No tramo final do mitin tomou a palabra Mariano Abalo Costa, o candidato á alcaldía pola Alternativa Canguesa de Esquerdas. O seu discurso versou sobre a necesidade da protección do litoral e de nosos recursos patrimoniais e naturais como valores a explotar polo pobo de Cangas. Nun ton belixerante arremeteu contra os socios de goberno, e en especial contra a alcaldesa, pola súa actuación perante o conflito de Massó. Foi moi crítico coa usurpacións das áreas de goberno, o boicot sistemático o traballo de ACE no tripartito e a ruptura do Pacto que motivou a nosa saída do goberno local. Finalmente arengou a prol da democracia popular no mundo, no noso país e na nosa localidade. Cousa esta última da que só son depositarias as liñas ideolóxicas e programáticas da Alternativa Canguesa de Esquerdas.
Pra rematar pediuse unha enxurrada de votos o día 22 para que a verdadeira esquerda teña máis presenza no Concello.