Cangas é de todos

“Gobernamos durante 1 ano podendo destacar que nese período de tempo fomos quen de presentar unha acción de goberno até hoxe non superada por ningún outro grupo municipal. Refírome naturalmente á época da Xestora” Mariano Abalo, 2011.

Estamos a dar remate á, posibelmente, peor alcaldía de tódalas lexislaturas da historia política de Cangas. Quen ía pensar cando asinámo-lo pacto de goberno con BNG e PSOE que todo ía quedar en papel tan mollado? Nin nos peores pesadelos de todo esquerdista cangueiro se podía imaxinar un desenlace tan fatal para o futuro da vila.


Séndomos honestos deberiamos tamén facer autocrítica e recoñecer que mentres formamos parte do tripartito non demos conseguido ou cando menos encarrilado parte dos nosos obxectivos programáticos. Ora ben, hai unha forte motivación para que se dese ese caso e dende logo as razóns non hai que buscalas na ineficacia dos nosos concelleiros nin do noso partido. Non é momento agora de tirar aquí das biografías nin de rememorar en canto épico ó contributo dos venerados Mariano Abalo, Maruchi Álvarez e Xosé Manuel Pazos dende hai ben tempo. Mais o compromiso coa esquerda, a dedicación férrea e a incuestionábel coherencia non teñen mellor aval que as ben coñecidas carreiras políticas, e sindical nalgún caso, dos nosos edís. Ben é certo que no goberno entramos con moita ilusión e fomos introducindo melloras esperanzadoras nas áreas de Cultura, Urbanismo e Persoal e Réxime Inteirior. Iso si, ata onde nos deixaron, xa digo. Digámolo claro: coutaron o noso traballo ó servizo do pobo de Cangas. E dende logo, a diferenza doutros momentos nos que tamén chegamos ó goberno, non nos podiamos sentir a gusto nin desenvolve-lo noso cometido como representantes democraticamente elixidos.

Os atrancos e impertinencias cos que se atoparon os membros da Alternativa Canguesa de Esquerdas no tripartito colocounos nunha conxuntura de oposición dentro do goberno. A falta de respecto á nosa xente non hai que deixar de entendela como unha ofensa grave ó pobo de Cangas, parte do cal decidiu confiar co seu voto na nosa formación. Así e todo, dende o principio fomos leais (mesmo extremadamente diría eu) e procuramos arranxa-las deficiencias democráticas e competenciais no seo do Concello sen que nada ou o menos posíbel transcendese.

Mais a medida que avanzaba o tempo a situación facíase máis insostíbel. Usurpacións de áreas (de dedicación exclusiva ou non), boicots económicos dende Facenda ás nosas competencias para dinamita-lo noso traballo así como violacións sistemáticas e aberrantes ó pacto de goberno. Todo isto provocou unha serie de debates nas asembleas abertas da nosa agrupación e non con pouca controversia. Había incluso membros da asemblea partidarios de deixa-lo tripartito sobre un ano antes do que ó final se produciu.

Ben, aquí xurdiron uns cantos dilemas que conviña atallar de forma asemblearia e participativa dentro de ACE para dar solución á situación que estabamos a vivir. Por un lado, unha ruptura do goberno pola nosa parte sustentada nos vaivéns e puñaladas no Concello que de certo foron ben graves, como dixen, pero que non tiñan repercusión mediática (debido a que somos, como todo o mundo coñece, un partido máis ben propenso a lle caer mal á prensa local) facían contraproducente unha saída temperá do goberno. Por outro lado eramos conscientes da necesidade dun grupo de presión como o noso para controla-los movementos da corruptela BNG-PSOE en asuntos como o do Urbanismo ou, entrando en especificidades, do sangrante tema de Massó. Grazas a un exercicio de sagacidade política e dunha elevada dose de paciencia, ben entendidas tamén polo noso voceiro e candidato, fomos quen de nos anticipar ás manobras neglixentes e claramente anti-populares saídas do mesmo gabinete da alcaldía.

Dunha forma pública, a nosa saída do goberno está moi ligada a un novo retome das obras do porto deportivo no Salgueirón. Non é casual nin foi por un mero capricho noso. Para nada. Hai que recordar que un dos piares que sustentaban o pacto de goberno asinado polos tres partidos era a rotunda negativa á construción do porto deportivo á par da anulación dos convenios de Massó e Aldán e que tamén, por certo, trataron de recolocar no avance do PXOM recollendo o testemuño do Partido Popular. Nada máis e nada menos. Nós, como xa recollemos no noso programa electoral do 2007, e respondendo a unha pavorosa demanda social de urbanismo sustentábel e de preservación do medio, mantivémonos firmes no obxectivo de cumprir estas premisas en favor do pobo. Coñécese que outros, eles saberán porque, non tiveron esa mesma vontade.

E con estes precedentes esvaeceu a paupérrima historia do tripartito sen posibilidade algunha de remendalo ante o autoritarismo e a intransixencia case infantil da alcaldesa. E somos sinceros cando dicimos que se fixo todo canto estivo ó noso alcance. Tanto por tende-la man para chegar a un entendemento que non beneficiase á dereita do PP como para combater e xestionar a prol da xustiza social indo, cando fixo falta, incluso en contra dos nosos socios de goberno. Debémonos ós nosos veciños, ó traballador e non a ningunha inmbiliaria ou entidade financieira. Foi ardua, nese sentido, a labor no terreo do Urbanismo na que o noso grupo mesmo sendo do goberno denunciou ó Concello pola Unidade de Actuación nº 5. É só outro exemplo.

E dende logo, tamén o queremos deixar claro, nada desta psicose política de acoso e derribo contra a verdadeira esquerda que a Alternativa Canguesa de Esquerdas conforma sería posíbel sen a cooperación covarde do grupo de Héctor Otero e que lle pasou factura nalgún seu concelleiro como lla pasou tamén no BNG cunha membro que nada quere ter a ver xa coa formación de Clara Millán. Neste punto quero emprazarvos a que aproveitedes ós nosos mitins nesta campaña para que resolváde-las vosas dúbidas preguntando ós concelleiros de ACE sobre os desmandes que se produciron dentro dese goberno. Ficaredes abraiados, ben seguro. Acaso pactamos coas dereitas? Xa deixamos claro no noso programa que tal cousa non volverá acontecer mentres eses partidos teñan eses dirixentes e semellantes equipos de colaboradores.

Agora só queda rebelármonos pois Cangas non é da dereita nin da “nova dereita” do BNG-PSOE, Cangas é de todos. E ACE quere facer partícipes do futuro goberno a tódolos veciños e a tódalas asociacións. Conseguirémolo, contamos convosco.


Balea, 8 de maio do 2011