Antonio Álvarez “Carrapucho”, In Memoriam

Cando este maio louco comezou andar, fóisenos Antonio Álvarez Cortizo. Home de salitre, de honor obreiro e corazón grande e solidario ate a infinidade. Os que vivindo a fame moral do presente, aínda cremos na memoria, para facerrnos un oco de futuro para a Humanidade, temos que lembrar e reivindicar a compañeiros como “Carrapucho”.

Coñecín persoalmente a Antonio no mes de xaneiro de 1988. Foi dos primeiros en dar o paso na búsquena da dignidade mariñeira. Era naquel momento o motorista do “Río Algar”. Con el e con Manuel Romero viaxamos a Madrid no mes de febreiro dese mesmo ano, cando a estafa dos “anticipos reintegrables”, para os mariñeiros do Banco Canario-Sahariano A viaxe tiña como obxectivo reivindicar do goberno de Madrid as axudas por paralización, que aínda que non nese ano, pola loita xusta e decidida de homes como “Carrapucho”, foron posibles a partir do ano 1989.

Como todas as loitas obreiras e populares, os seus protagonistas soen quedar inxustamente no anonimato. É de xustiza lembrar a decisión, a valentía e a honestidade do compañeiro finado, protagonista humilde daquela loita. Sería longo relatar as anécdotas de Antonio, fillas da súa vehemencia e cordialidade. Xa xubilado, o seu corazón grande fixo que tamén no verán do 1995 fora un activo firme da rebelión necesaria.

Antonio Álvarez Cortizo, bo e xeneroso, con vontade de ferro como os obreiros con conciencia de clase, compañeiro, amigo: os salseiros encrespados da Borneira, da Agoeira e de Cabo de Bicos, enchen de salitre os cons e os penedos, salitre que hoxe semellan flores que configuran un ronsel interminable, que chega ós mares do Sahara que algún día será libre, como seremos nós.

Seguros de que algúns dos teus últimos recordos foron para nós, os que combatemos contigo na trincheira da dignidade mariñeira, recordámoste. Saúde eterna compañeiro, nesta última singradura do teu azul “Río Algar”.

Manolo Camaño Fandiño.
Publicado no Faro de Vigo, 9/5/2011.