ACE será a voz dos colectivos sociais no concello e defenderá a lagoa de Vilariño

Diante dun grupo de veciñ@s que seguiron con atención as intervencións, os membros da candidatura da Alternativa Canguesa de Esquerdas, Mariano Abalo e Xosé Manuel Pazos, concelleiros e mais Ángela Vizoso, número 6 da lista e veciña de Vilariño, expuxeron as liñas mestras do programa electoral de ACE o pasado venres 13 nesta aldea da parroquia do Hío.

O primeiro en intervir foi Xosé Manuel Pazos, que fixo fincapé na necesidade de levar a cabo unha profunda rexeneración no concello de Cangas. Unha rexeneración que ten que chegar a varias vertentes da vida municipal: unha rexeneración urbanística, económica e, sobre todo, unha rexeneración democrática, pois o goberno da “nova dereita”, comandado pola alcaldesa Clara Millán fielmente secundada polo seu escudeiro Héctor Otero, trouxo unha involución a todos os niveis. En palabras do concelleiro de ACE, a situación económica calamitosa que deixaron os 8 anos de goberno do PP de Sotelo foi catastroficamente xestionada polo actual responsable de facenda, que rematou por colocar o concello nunha situación da que vai custar moito saír. Fíxose fincapé na “fuxida cara adiante” emprendida polo “goberno dos 8” que, coñecedores da situación, non deixaron de escatimar gastos de todo tipo mentres moitas pequenas empresas de Cangas se vían abocadas ao peche polas débedas contraídas con elas polo concello.

Despois foi a quenda de Ángela Vizoso quen, coñecedora das problemáticas da aldea de Vilariño, centrou a súa intervención na necesidade imperiosa de defender con contundencia o contorno natural da Lagoa de Vilariño, arrodeada xa de edificacións e na que só a intervención veciñal está a impedir a construción de novos edificios no centro mesmo da lagoa, mentres os grupos municipais de BNG, PSOE e PP miran para outro lado. Fronte ao urbanismo irracional, a candidata da Alternativa avogou por aplicar medidas que supoñan a defensa efectiva deste contorno natural. Tamén tratou sobre a deficiente rede de saneamento da aldea e asegurou que a Alternativa Canguesa de Esquerdas ía continuar dando voz aos colectivos veciñais e culturais das aldeas no concello.

Finalmente interveu o candidato á alcaldía por ACE, Mariano Abalo, quen tamén tivo tempo a repasar temas que interesan moito a veciñanza da parroquia do Hío e concretamente á aldea de Vilariño, como o paseo da praia, detido por Costas baixo a falsa excusa das alegacións presentadas por varios grupos ecoloxistas nunha burda manobra que pretendeu enfrontar veciñanza e ecoloxistas , ou a problemática do centro de saúde do Hío-Aldán, do que informou que actualmente estaba totalmente parado malia os petardazos electorais de BNG e PP sobre o asunto. Tamén acusou o “goberno dos 8” de encarecer en máis de 50 000€ o prezo de compra final da parcela sobre o prezo que el deixara pactado antes de ser cesado na concellaría de Urbanismo e preguntouse o porqué deste encarecemento.

Finalmente, abriuse unha rolda de intervencións na que varios veciños interviron para opinar sobre os temas tratados.