ACE é a única forza política comprometida coa recuperación dos montes veciñais de Aldán

O pasado domingo a candidatura de ACE desprazouse até Aldán para falar coa veciñanza da parroquia. Alén de tratar outros aspectos do programa electoral, a parola centrouse na loita que dende hai anos os veciños de Aldán teñen contra a empresa Maderas Lago, usurpadora do monte comunal da parroquia. A empresa ocupou os terreos comunais nunha escura manobra de compra-venda que fixo que a día de hoxe Aldán sexa unha das únicas dúas parroquias do Morrazo, -a outra é Beluso, e o motivo é o mesmo-, que non recuperaron o seu monte comunal despois da fin da ditadura.

ACE e o seu grupo municipal levan anos apoiando a loita veciñal polo seu monte, e son a única formación que inequivocamente se posiciona ao carón da veciñanza nas súas reclamacións. Abonda lembrar como hai agora 4 anos dende o grupo municipal de Alternativa Canguesa de Esquerdas se conseguiu recuperar para uso público a chamada "Finca do Conde", -parte da zona en litixio-, recuperación que foi abortada polo BNG e o PSOE aducindo o supostamente elevado custo de mantemento desta zona verde para o concello. Deste xeito, aniquilouse a posibilidade de dotar a parroquia, -por outra banda golpeada selvaxemente polo urbanismo irracional-, dunha zona verde dun valor incalculable.