ACE abre a campaña na casa da Cultura chamando á participación do pobo no proceso electoral

Diante de máis dun cento de persoas que practicamente enchían a casa da Cultura, vari@s candidat@s da Alternativa Canguesa de Esquerdas foron intervindo, apresentando os eixos dun programa electoral baseado na rexeneración urbanística, na rexeneración económica e, nomeadamente, na rexeneración democrática do concello. Despois de eles falaren, abriuse unha rolda de intervencións onde varios dos asistentes tocaron diversos temas, dende a problemática do uso partidario das dependencias municipais en Coiro, -acaparadas por afíns ao BNG e vetadas para varios colectivos da parroquia-, até a importancia de a xente participar activamente no proceso electoral, falando, debatendo, analizando, pero sen deixar que a permanente desinformación dos medios lles pretenda dar todo feito.

O acto rematou cun recordatorio da reactivación da vía xudicial no conflito de Massó, xa que 30 persoas están citadas os vindeiros martes 10, mércores 11 e xoves 12 no xulgado de Cangas para declarar, na nova volta de parafuso que supón o paso de falta a delito nas acusacións polas accións pacíficas desenvolvidas nas protestas contra as obras do porto deportivo.